Aberta a inscrición no Programa Integrado de Emprego da CEC 2026/2027
- A nova edición está dirixida a 100 persoas desempregadas maiores de 52 anos da provincia da Coruña.
- O programa combina orientación laboral personalizada, formación en competencias dixitais e profesionais e intermediación directa con empresas.
- A oferta formativa inclúe cursos e obradoiros sobre intelixencia artificial, ciberseguridade, loxística, coidados, emprendemento e outras especialidades con oportunidades laborais.
- As persoas participantes poderán percibir unha bolsa de asistencia de 10 euros por día de participación nas actividades do programa.
Poñemos en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego da Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC) 2026/2027, unha iniciativa gratuíta destinada a mellorar a empregabilidade e favorecer a inserción laboral de 100 persoas desempregadas maiores de 52 anos, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).
O programa, subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), desenvolverase na provincia da Coruña, con actuacións nas áreas da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.
Esta nova convocatoria aposta especialmente pola posta en valor da experiencia profesional e do talento sénior, combinando itinerarios personalizados de orientación, formación especializada e contacto directo co tecido empresarial. O obxectivo é facilitar novas oportunidades laborais e contribuír a superar as barreiras asociadas á idade nos procesos de acceso ao emprego.
Formación adaptada ás necesidades do mercado laboral
Este programa contempla unha ampla proposta formativa organizada en cursos presenciais, teleformación e obradoiros prácticos, deseñada para actualizar coñecementos, desenvolver novas habilidades e reforzar as competencias profesionais das persoas participantes.
No ámbito da formación transversal destacan accións relacionadas coa introdución á intelixencia artificial, a ciberseguridade, as competencias dixitais básicas e avanzadas, o inglés, a igualdade de oportunidades e a saúde e nutrición.
A formación orientada ao emprego inclúe especialidades vinculadas a sectores como a loxística, o transporte, a atención sociosanitaria e a alimentación. Entre as accións previstas figuran a organización de almacéns, a condución de carretillas elevadoras, a renovación do Certificado de Aptitude Profesional (CAP), os coidados auxiliares básicos en enfermería, a seguridade alimentaria e a introdución á impresión 3D.
A oferta complétase con obradoiros especialmente deseñados para potenciar o talento sénior, abordar a preparación de entrevistas de traballo, explorar as posibilidades do emprendemento, coñecer os recursos para o autoemprego e descubrir oportunidades de mobilidade laboral, tanto na provincia como no ámbito europeo a través da Rede EURES.
Orientación personalizada e innovación para favorecer a inserción
Un dos principais eixes do programa é o acompañamento individualizado das persoas participantes mediante itinerarios adaptados ás súas competencias, experiencia e expectativas profesionais.
A nova edición incorpora ferramentas innovadoras para facilitar o acceso ao emprego, entre elas sistemas de intelixencia artificial que permiten relacionar ofertas laborais con perfís profesionais anonimizados, co propósito de reducir os posibles nesgos asociados á idade nos procesos de selección.
Tamén se contempla o uso de ferramentas dixitais para realizar un seguimento personalizado dos avances de cada participante, así como formación práctica en trámites electrónicos coas administracións públicas e acreditacións dixitais que permitan recoñecer as competencias adquiridas.
Aberta a inscrición no Programa Integrado de Emprego da CEC 2026/2027
Participación e medidas de conciliación
As persoas beneficiarias deberán participar nun mínimo de cinco sesións individuais de orientación laboral e completar polo menos tres actividades do programa, entre cursos e obradoiros. Tamén deberán cubrir os cuestionarios de avaliación da calidade correspondentes ás accións realizadas.
Para facilitar a participación, o programa contempla medidas de conciliación e flexibilidade, como a adaptación de horarios, a preferencia polas actividades de mañá e a posibilidade de realizar titorías telemáticas ou telefónicas cando existan necesidades xustificadas.
Ademais, as persoas participantes terán dereito a percibir unha bolsa de asistencia de 10 euros por día de participación nas accións do programa, de acordo coas condicións establecidas.
Colaboración coas empresas
O Programa Integrado de Emprego da Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC) 2026/2027 tamén busca reforzar a conexión entre as persoas demandantes de emprego e as necesidades reais das empresas.
A través de accións de prospección e intermediación laboral, preténdese facilitar o acceso das empresas a perfís profesionais experimentados, promover a contratación e sensibilizar sobre o valor que achega o talento sénior ás organizacións.
As empresas interesadas en colaborar co programa ou incorporar persoal aos seus equipos poden poñerse en contacto coa CEC a través do correo electrónico pie@cec.es.
Inscricións
O programa está dirixido a persoas desempregadas maiores de 52 anos, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e residentes na provincia da Coruña.
No proceso de selección valoraranse aspectos como a motivación, o interese por incorporarse ao mercado laboral, o compromiso e a actitude proactiva.
As persoas interesadas poden consultar a información do programa e acceder á inscrición a través da web da CEC:
